O PP de Monforte reclama pasos de peóns e melloras nas beirarrúas
O grupo popular de Monforte vén de presentar unha iniciativa para conseguir o acondicionamento no tramo comprendido entre a praza Doutor Goyanes e o IES Daviña Rey, con pasos de peóns e melloras nas beirarrúas.
Tal e como manifestan os propios integrantes do partido “o estado das rúas é fundamental para que o día a día dos veciños sexa máis seguro, cómodo e agradable”.
“En Monforte hai rúas que precisan a intervención municipal para corrixir as deficiencias que presentan e que son fonte de incomodidades e riscos para o tráfico rodado e peonil. É o caso da rúa Doutor Casares, na que demandamos varias melloras tanto no que atinxe á seguridade viaria como a accesibilidade, no tramo comprendido entre a praza Doutor Goyanes e o IES Daviña Rey” declara a portavoz popopular, Katy Varela.
Varela, anuncia a presentación desta iniciativa que busca corrixir as deficiencias da citada vía. Segundo explican os populares, hai “pedras soltas e tapas de rexistros e sumidoiros rotas, a que está en peor estado é a da entrada na rúa, á altura da Praza Doutor Goyanes, que está afundida e é un perigo para a circulación”.
Por outro lado, Varela destaca a necesidade de pintar pasos de peóns, “xa que no tramo indicado non existe ningún, o que é difícil de entender dado que hai un centro de saúde e unha farmacia”. Polo tanto, “como mínimo, sería necesario un paso de peóns á altura do centro de saúde” afirma.
Os populares consideran que tamén son precisas “melloras nas beirarrúas, porque ó inicio da rúa son estreitas e perigosas, sobre todo no lado dos número impares e tamén é necesario estudar o problema da accesibilidade nese tramo da rúa”.