O PP de Monforte propón dedicar unha rúa a Manuela Sáez González

O PP de Monforte solicitará formalmente no pleno que o Concello dedique unha rúa da cidade á historiadora Manuela Sáez González, que ademais foi a pregoeira das patronais deste ano.
A voceira Popular, Katy Varela, pide recoñecer publicamente “aos monfortinos máis destacados” e salienta que a historiadora deu, co seu pregón durante as festas, “unha verdadeira lección de historia”, e recoñece que “este ano a súa elección como pregoeira foi axeitada”.
Manuela Sáez González, lembran os populares, é unha historiadora moi coñecida e recoñecida polos seus traballos de investigación sobre o Virrey Don Pedro Fernández de Castro, Andrade y Portugal, VII Conde de Lemos, recoñecidos e destacados publicamente polo Duque de Alba e actual Conde de Lemos.
Varela lamenta que tras dúas obras importantes como foron o parque do Hospital ou o parque da Gardaría “se optase por denominacións tan simples coma esas cando se puido ter aproveitado para nomealos recoñecendo a traxectoria de persoeiros ilustres de Monforte”. Por este motivo, os concelleiros populares reivindicarán no vindeiro pleno que se dedique unha rúa na cidade a Manuela Sáez González porque “é de xustiza que a aqueles monfortinos que merecen recoñecementos públicos, como sucede neste caso, así se faga”.