O PP de Monforte propón a creación de zonas de baño no río Cabe
O Partido Popular de Monforte de Lemos propón a creación de zonas de baño no río Cabe, e faino a través dunha emenda de engádega á moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego relacionada con este asunto. Deste xeito, a formación do PP propón engadir o seguinte texto á iniciativa nacionalista: "ou que se leven a cabo as actuacións necesarias para acondicionar diversas zonas de baño nas zonas máis adecuadas da cidade do río Cabe, incluíndo o saneamento necesario para que o río poida ser utilizado sen perigo de saúde".
A voceira Katy Varela expón no texto referido que “non nos parece o máis viable dotar de piscinas públicas á cidade ou utilizar as instalacións da entidade privada do club fluvial, pois o consideramos insuficiente e incluso caro tendo en conta o servizo que se pode dar”. Tal é así que Varela remarca que “esta agrupación considera que existen suficientes espazos naturais para acondicionar zonas de baño, aínda que somos conscientes que o río por desgraza non está nas condicións axeitadas para o baño”.
Parque infantil Val de Lemos
Os populares tamén se dirixirán ao equipo de goberno sobre a parálise na que se atopa o parque infantil Val de Lemos, xa que, malia formalizarse o contrato para a reforma cun prazo de execución de 56 días, o 16 de decembro de 2020, "a obra segue parada e o aspecto que presenta é de descoido absoluto, impedindo a obra incluso o acceso fácil a algunha vivenda".
A este respecto, e dado que recentemente saíu a concurso o contrato para a urbanización e reparcelación da Zona C, o Grupo Municipal do PP interesarase na sesión plenaria, que celebrará a Corporación esta tarde, sobre se a entidade local dispón do consentimento dos veciños para proceder ao sistema de cooperación mediante o cal se pretende executar este proxecto.