O PP de Monforte pide sinalizar Ribas altas como “zona non apta para o baño”

Os concelleiros do PP de Monforte piden ao goberno municipal que sinalice Ribas Altas como zona non apta para o baño, despois de que a Consellería de Sanidade decidise “non autorizar” este espazo público para o baño por non reunir as condicións necesarias para a súa autorización.
A voceira popular, Katy Varela, explica que “xa levamos varios anos” pedindo ao goberno de José Tomé que “tome as medidas necesarias e implique ás administracións que sexa preciso para poder reverter o estado da auga do Cabe e que Monforte conte con esta zona de baño público autorizada”.
Os concelleiros populares preguntarán no vindeiro pleno se o goberno monfortino ten pensado sinalizar esta incidencia e, sobre todo, cando o van a facer dado que as temperaturas xa comezan a ser altas “e os monfortinos precisan de zonas de ocio para o tempo libre e poder combater a calor”.
Ademais, insisten na necesidade de que o goberno local “se tome en serio” o saneamento xa que “non pode ser que se vertan augas de todo tipo ao río e non podamos gozar deste espazo como se facía fai décadas pola falta de saneamento”.