O PP de Monforte pide "sentidiño" ao alcalde á hora de xestionar o diñeiro público
A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte, Katy Varela, volve insistir en “pedir máis sentidiño ao alcalde á hora de xestionar o diñeiro público” tralo anuncio do investimento na piscina, mentres “os veciños seguen sufrindo problemas cos cortes de auga”.
A popular incide en que “nunca imos ver mal que o alcalde de Monforte consiga cartos para a cidade. O que sempre lle criticamos é a mala xestión que dos cartos do que pode facer uso”.
Varela lembrou que “xa comentamos que, en vez de gastar tantos cartos na reforma dun pavillón, debería construír outro e deixar este como estaba. E o mesmo pasa coa piscina. A piscina é necesario arranxala. Pero o que non nos parece lóxico son as cantidades de diñeiro das que fala o alcalde para deixar bonita unha cousa e despois comprobar que seguen os problemas de sempre como vimos coas avarías que deixaron sen auga a boa parte dos veciños”. E, “recentemente xa pasou coas parroquias que tamén estiveron sen auga”, incide.
Os populares seguirán recordándolle ao alcalde que “teña sentidiño á hora de investir os cartos que consegue” e que “recorde o importante que é arranxar o que está debaixo do asfalto para o día a día dos veciños”.
A voceira do PP tamén lamenta “a falta de xestión do Goberno de Tomé en relación aos asuntos económicos da cidade como a xestión do turismo, que o ten abandonado, ou o desinterese por facer que o CRAEGA permaneza en Monforte”.
Así, a popular considera que “non emprega toda a capacidade para conseguir que Monforte medre economicamente, nin como cidade, nin para solucionar problemas tan graves como son o abastecemento e saneamento de auga. Pero vemos que saca peito cando inviste para asfaltar outra vez as rúas ou arranxar a piscina”.