O PP de Monforte pide melloras no parque infantil do Hospital

Dende o Grupo Municipal do PP de Monforte defenderán no pleno da próxima semana unha iniciativa para que o goberno local realice os traballos necesarios para a mellora do parque infantil do Hospital, que din, atópase “moi deteriorado”.
A voceira popular en Monforte, Katy Varela, manifesta “a importancia do mantemento das infraestruturas”, sobre todo daquelas zonas de ocio para os máis pequenos, e pide “contar cunha previsión de mantemento” neste tipo de infraestruturas.
A popular explica que na zona infantil do parque do hospital hai “numerosas deficiencias que provocaron queixas por parte dos monfortinos ao dar unha sensación de total abandono”. Entre outras eivas, explica, “o firme da zona destinada ao paseo e ao tránsito de bicicletas está roto e descoidado, provocando caídas”.
Para os populares, “é primordial realizar un mantemento das infraestruturas”, algo para o que tamén defenderán a mellora da situación dos parques infantís nas parroquias que suscita, din, queixas entre os veciños.