O PP de Monforte pide mellorar o servizo de saneamento e abastecemento de auga no concello

RibeiraSacraXa
Os populares denuncian “constantes cortes no subministro de auga corrente que se producen na área urbana derivados das roturas das tubaxes”
Katy-Varela-Monforte-de-Lemos
Katy Varela
3 Dec 2024

Os concelleiros do PP de Monforte cuestionan as prioridades de José Tomé que, tras anunciar a creación de tres paseos fluviais, opinan que “segue demostrando que prefire gañar unha foto ao carón dun río antes que levar servizos básicos, como abastecemento e saneamento, aos monfortinos que carecen deles”.

A voceira popular, Katy Varela, sinala que “queremos deixar claro que non estamos en contra de proxectos coma estes”, pero no PP de Monforte “si que temos moi ben definidas as prioridades e estas pasan porque aqueles veciños que carecen dos servizos básicos poidan telos no menor tempo posible”, sinalan.

Neste senso, a voceira popular recorda os “constantes cortes no subministro de auga corrente que se producen na área urbana derivados das roturas das tubaxes, así como todas as parroquias e barrios que carecen destes servizos”. “Con eses 4 millóns de euros poderían renovarse moitos metros de tubaxes para evitar futuras roturas, así como deseñar proxectos para levar os servizos ás zonas que non os teñen”, explicou.

Dende o PP de Monforte convidan a Tomé “a sentarse tamén con outras administracións” para acadar financiamento para poder desenvolver estes proxectos “tan necesarios”. Katy Varela afirma que “seguro que se deixara esa obsesión de confrontar coa Xunta de Galicia podería chegar a acordos para que dende o goberno autonómico se colaborase na implantación do saneamento e o abastecemento”.

De feito, pregunta directamente a José Tomé “por que coa Confederación Hidrográfica non ten problemas en sentarse a falar e chegar a acordos e, en cambio, coa Xunta de Galicia si. A resposta é moi sinxela: a cor política que goberna cada administración”.

Esta postura de Tomé provoca que os monfortinos sigamos a pagar os seus impostos “cada vez máis altos” mentres vemos “como os servizos que nos presta o Concello cada vez son máis deficientes”.

Por último, dende o PP de Monforte amósanse expectantes “sobre se o proxecto anunciado por Tomé será unha realidade algún día”. “Xa temos outros exemplos de anuncios millonarios do alcalde que logo non se poden materializar pola súa neglixente xestión municipal xa que ten que recolocar os fondos consignadas para uns proxectos a outros para ir tapando os furados que provoca dende a alcaldía”, denuncian.

0.17097997665405