O PP de Monforte pide habilitar un centro de atención a animais abandonados

RibeiraSacraXa
Ademais, os populares pedirán tamén ao Pleno que Monforte conte con zonas de esparcemento canino
Imaxe de Progape Ourense
21 Feb 2025

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte insistirán no pleno deste mes en que o Concello de Monforte debe de habilitar os fondos necesarios para crear un centro de recollida e atención a animais abandonados, así como para o mantemento destas instalacións.

A voceira popular, Katy Varela, recorda que “non é a primeira vez que realizamos esta petición”, pero si que cremos que “un municipio como Monforte debe contar cunha instalación así, polo que seguiremos traballando ata que a consigamos”. “Baixo o noso punto de vista unha instalación así debe de ser un centro público de atención animal, dispoñible durante 24 horas, e non un servizo contratado a unha empresa externa”, explicou.

Katy Varela recorda que segundo o artigo 22 da Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, corresponde aos concellos "a recollida de animais extraviados e abandonados e o seu aloxamento nun centro de protección animal”.

Ademais, os populares pedirán tamén que Monforte conte con zonas de esparcemento canino, “unha reclamación habitual entre os propietarios de mascotas” xa que consideran necesario que “se habiliten espazos específicos para que os cans poidan xogar, correr e socializar”.

0.15333199501038