O PP de Monforte pide habilitar aseos públicos no municipio

Os concelleiros do PP de Monforte solicitaron no pasado pleno que o Concello habilitase aseos públicos no municipio “para mellorar a imaxe que se dá aos turistas que se achegan cada verán”, explican, pero sobre todo, “para evitar condutas incívicas que en determinadas rúas e zonas da cidade son habituais e provocan molestias, como malos cheiros”.
A voceira popular, Katy Varela, sinala que se debería de poñer en marcha esta medida, “tal e como se fai en numerosas cidades de España” e que “para sufragar o seu mantemento podería cobrarse unha cantidade simbólica para axudar a súa limpeza”.
Os concelleiros populares, alertados polas numerosas queixas cidadás que recibiron nas últimas semanas, pediron tamén ao Concello de Monforte que revise o estado das cubertas dos edificios do municipio xa que tralos temporais de choiva e vento, algunhas cubertas presentaban risco de caída de elementos polo seu mal estado de conservación. “O único que queremos e que se revisen aqueles cubertas que poden presentar maior perigo para evitar o desprendemento de calquera elemento a rúa, xa que pode provocar unha verdadeira desgraza”, sinalou.