O PP de Monforte pide Goberno municipal que interveña para evitar a folga de limpeza convocada a partir do luns

Os concelleiros do PP de Monforte afean a postura do alcalde de Monforte, José Tomé que, denuncian, no pleno de onte “negouse a facer de mediación entre a empresa e os traballadores da recollida do lixo” para evitar o inicio da folga convocada a partir do luns 4.
A voceira popular, Katy Varela, lamenta esta decisión e advirten de que “unha situación coma esta nunca é positiva, pero moito menos en pleno verán, con altas temperaturas e maior afluencia de turistas”.
“A realidade é que a imaxe do municipio quedará moi danada, pero o peor é que se pode por en risco a salubridade xa que o habitual nestas situacións é que o lixo se acumule nas rúas, provocando malos cheiros e provocando numerosos inconvintes”, sinalou a voceira.
Por iso, pide “reflexión” ao alcalde, ao que acusa de “botar balóns fóra e dicir que iso son cousas da empresas e os seus empregados non é a resposta que debe dar un alcalde ante unha crise que pode afectar notablemente ao día a día da cidade”.
A voceira popular pide ao alcalde que empregue “a súa posición para ser o nexo de unión entre traballadores e empresas para poder desatascar a situación e chegar a un acordo”.