O PP de Monforte pide explicacións sobre a situación do parque do Hospital
O PP de Monforte advirte de que “as dúas sentenzas sobre o parque do Hospital están a xerar incerteza xa que son contraditorias, unha condena ao Concello de Monforte a pagar 620.000 euros de indemnización, mentres que a outra anula os actos impugnados”.
Ante esta situación, a voceira popular en Monforte, Katy Varela, explica que no vindeiro pleno preguntaremos ao alcalde sobre a situación legal na que se atopan os terreos e se, como xa insinuou nalgunha ocasión, non será necesario pagar esa indemnización no caso de crear un plan dotacional para esa zona. “O alcalde debe ser claro e dicir a verdade a todos os monfortinos”, sinalou.
Os concelleiros populares tamén preguntarán polas diferentes facturas sobre vallas publicitarias que pagou ultimamente o Concello de Monforte. Katy Varela sinala que mentres hai pagos no día de San Blas ou no San Mateo, 122,21 euros e 336,08 euros respectivamente, hai outras, como a da xuntanza dos xubilados da UXT cun custo de 1.219,80 euros polo mesmo concepto. “Queremos saber cantas vallas se colocaron en cada caso e prezo de cada unha. Transparencia ante todo, que é o que lle falta ao alcalde”, sinalou.