O PP de Monforte pide buscar unha nova localización para o centro de día
Dende o Grupo Municipal do PP de Monforte pedirán no vindeiro pleno que o Concello inicie os traballos oportunos para buscar e trasladar a unha nova localización o centro de día, para que así conte cunhas instalacións máis adecuadas ao servicio que presta e con espazos exteriores para o desfrute dos usuarios.
A voceira popular, Katy Varela, lembra que as instalacións actuais, en uso dende o ano 2005, semellan “non ser as máis adecuadas” (actualmente no edificio da praza de abastos) xa que, segundo confirmaron empregados e familiares de usuarios “a accesibilidade é mellorable e non hai zonas exteriores para os usuarios”.
Ante esta situación, hai familias de Monforte que optan por solicitar praza nos centros de día doutras localidades próximas ao ter mellores instalacións. Por este motivo “consideramos necesario buscar unha nova localización para o centro de día de Monforte, con mellores instalacións, para poder dar o servizo que se necesita”.
Os concelleiros populares explica que os centros de día son un recurso moi necesario xa que prestan atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela, promovendo a súa autonomía persoal, as relacións con outras persoas e a permanencia no entorno habitual.