O PP de Monforte pide ao Concello un histórico das sancións polos vertidos ao Cabe

RibeiraSacraXa
O Grupo Municipal do Partido Popular apoiará á plataforma cidadá Salvemos o Malecón o día 27 deste mes na cadea humana.
10 Xuño 2021

O Grupo Municipal do PP de Monforte de Lemos vén de pedir por escrito ao departamento de Medio Ambiente do Concello "un histórico das sancións acumuladas nos últimos catro anos polos vertidos contaminantes do río Cabe". Os populares fan esta solicitude á entidade local logo de constatar que "existe unha nova multa por valor de 1.800 euros da Xunta de Galicia polo vertemento en Cobas". 

A voceira Katy Varela sinala que a existencia desta condenación “é a que nos fai que nos dirixamos ao goberno local por esta vía”. Dende o PP son numerosas "as ocasións nas que alertaron aos dirixentes do Concello de que os vertidos no Cabe son un dos principais problemas da cidade". “É unha preocupación primordial para este Grupo, ao estar incluído no saneamento e abastecemento da auga”, remarca a popular que explica que decidiron "tomar esta iniciativa tras comprobar na aprobación no pago de facturas de diferentes actas da Xunta de Goberno unha gran cantidade de transferencias para o pagamento de sancións con este concepto. A última, data do 3 de maio, e tal e como figura na conta, é polo importe indicado, 1.800 euros".

“Mentras non se solucione o problema da depuración, o Concello paga constantemente facturas por sancións, o que supón un sobre custe para as arcas municipais e un gasto de recursos que se poderían empregar para mellorar o saneamento e acabar dunha vez por todas coa contaminación do río”, advirte Katy Varela.

Cadea humana do 27 de xuño

Neste senso, e dado que a mellora do saneamento é unha das prioridades de Monforte, Katy Varela confirma que o Grupo Municipal do PP apoiará á plataforma cidadá Salvemos o Malecón o día 27 deste mes na cadea humana convocada para expresar o seu rexeitamento ao proxecto de construción dunha nova ponte aberta ao tráfico no lugar que ocupa a pasarela peonil sobre o Cabe. Deste xeito, os populares subscriben a proposta deste colectivo consistente en que a peonalización da ponte vella se podería levar a cabo sen a necesidade de construír unha nova nas súas proximidades.

0.1414589881897