O PP de Monforte pide a elaboración dun plan de renovación da rede de abastecemento

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte consideran que as medidas anunciadas por José Tomé para paliar os problemas da rede de abastecemento de Monforte “son totalmente insuficientes” e “é urxente a necesidade de realizar un plan de renovación das tubaxes para corrixir os problemas e levar o servizo ás zonas que non o teñen.
A voceira popular, Katy Varela, explica que as roturas na rede “non son algo dun punto en concreto, senón que se producen ao longo de todo o municipio”. Por eso, instan ao Concello a que non se centre unicamente en solucionar os problemas na rúa Escultor Francisco Moure xa que din, o problema afecta a toda a vila.
A voceira popular sinala que precisamente este domingo houbo unha nova rotura, nesta ocasión na tubaxe da confluencia da rúa Sarria coa Avenida de Galicia, “que non é a primeira vez que se produce e deixou sen auga a numerosos veciños”.
A realidade é que os problemas das roturas na rede de abastecemento non se centran nun único punto, senda tamén recorrentes as avarías na rúa Reboredo, na zona da Reigada ou na estrada que vai ao polígono do Reboredo. “A realidade é que no polígono do Reboredo hai moitos problemas e os empresarios e industriais da zona xa se queixaron en numerosas ocasións de falta de presión e de interrupcións no servizo polas roturas”, recordou.
Neste senso, “cremos que non son suficientes as medidas anunciadas por Tomé” que “como vemos mantense na súa política de ‘facer que fago algo’ cando a realidade é que todo vai a seguir igual ou peor porque as roturas seguen a producirse ao longo de todo o municipio e el unicamente se preocupa por dar unha solución á tubaxe que sufriu varias incidencias nos últimos días”.
Katy Varela anuncia que o seu Grupo defenderá no pleno a axilización do convenio de 10 millóns asinado co Ministerio para a renovación da rede de abastecemento porque “está claro que é unha necesidade imperiosa no municipio e para os veciños”.
Ademais, a voceira municipal pide máis transparencia e que se traballe “por dar unha solución a este problema que afecta a todo o concello” porque “non podemos esquecer que hai que renovar toda a rede, xa que é moi antiga e está moi deteriorada, ademais de levar o servizo a todos os puntos que carecen del”.