O PP de Monforte levará a pleno unha moción para dotar de medidas de seguridade a LU-P-3201 ao seu paso por Piñeira

O PP de Monforte levará a pleno unha moción para que a corporación municipal acorde esixa á Deputación de Lugo que habilite sendas peonís ata o núcleo principal de Piñeira, así como a mellora do paso inferior baixo a vía do ferrocarril e dos pasos de peóns.
Segundo os populares, as obras realizadas pola Deputación na estrada provincial LU-P-3201 ao seu paso polo municipio “non se traduciron en melloras de seguridade neste núcleo de poboación”, e sinalan que os traballos realizados non contemplaron o aumento da seguridade, nin pasos de peóns no núcleo da parroquia, nin sendas peonís para habilitar zonas de tránsito específicas e seguras, sen esquecer a necesaria mellora do paso inferior baixo a vía do tren.
A portavoz popular, Katy Varela, lamenta que estas cuestións non se teñan tido en conta na planificación das obras, e insiste en que “a realidade nesta parroquia é que non hai beirarrúas, polo que os peóns teñen que camiñar pola calzada, sendo unha vía moi empregada, xa que hai moitos rapaces que van e veñen a pé dun centro educativo próximo”.
Advirten ademais de que nesta vía tamén hai unha parada do autobús urbano e que non existe ningún paso de peóns para cruzar a estrada con seguridade, así como, din, non hai ningún elemento reductor de velocidade para os vehículos, nos que, advirten, moitos condutores circulan a gran velocidade.