O PP de Monforte levará a pleno unha iniciativa para pedir que se garanta a seguridade dos edificios en ruínas

Os concelleiros da Agrupación Municipal do Partido Popular de Monforte defenderán no pleno deste mes unha iniciativa “para garantir a seguridade de todos os monfortinos” que “cumpra a lexislación vixente e leve a cabo todos os mecanismos legais establecidos para solucionar o actual problema de edificios en estado ruinoso na cidade”.
A voceira popular, Katy Varela, explica que recentemente “incrementáronse as queixas dos monfortinos polo mal estado de moitos edificios”, sobre todo no casco histórico e no barrio da Estación, “un mal estado acentuado polas inclemencias meteorolóxicas dos últimos meses”.
A realidade, din, é que Monforte non conta cun Plan Xeral de Urbanismo e a norma que regula a situación dos inmobles é a ordenanza municipal reguladora de fachadas, elementos construtivos e solares, “establecendo esta norma, no seu artigo 1, a obriga dos propietarios dos edificios situados dentro do solo urbano de manter os mesmos en condicións de seguridades, salubridade, e ornato público”.
Ademais, recorda Katy Varela, esta ordenanza permite ao Concello de Monforte actuar de oficio nos casos nos que existan edificios que non cumpran co indicado, permitindo incluso ao Concello levar a cabo as medidas necesarias para evitar riscos.
“Dende a Agrupación Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos consideramos urxente comezar cun plan de acción para o coidado da imaxe e da seguridade das nosas edificación e sobre todo a dos cidadáns, e máis cando rematado o inverno, comprobamos que cada ano que pasa se actúa pouco e o problema se incrementa”, afirmou.