O PP de Monforte lamenta que "non se coide máis o aspecto da cidade"
A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos, Katy Varela, lamentou durante a sesión plenaria que “o goberno local socialista modifique a ordenanza reguladora de fachadas, elementos construtivos e solares para evitar problemas con particulares á hora de colocar elementos públicos nas súas fachadas e aumentar o importe das multas e non aproveitase a ocasión para coidar máis o aspecto da nosa cidade. Tomé segue sen saber que tipo de cidade quere para o futuro”.
A popular foi crítica co goberno local porque “a modificación da norma simplemente afecta a un par de artigos relativos á inspección técnica de edificios colectivos e á colocación de elementos públicos nas fachadas”. Así mesmo, indica Varela que “inclúe un artigo relativo á gama de colores, pero moi escueto e xenérico” cando “tiñan a oportunidade de incluír un plan de harmonía estética de fachadas. Ao goberno socialista preocúpalle pouco o feísmo urbano”, manifesta.
“A ordenanza segue contemplando o premio de 6.000 euros ao barrio que se distinga polo seu ornato e embelecemento, pero non desenvolve máis o seu proceso”. A este respecto, o Grupo Municipal Popular monfortino cre que sería máis positivo desenvolver un concurso de proxectos para embelecer os barrios da cidade e posteriormente, co premio, levar a cabo ese plan de embelecemento. O Grupo Municipal Popular abstívose na votación
“Os socialistas non son capaces de elaborar o PXOM”
Varela explica que “ademais da modificación desta ordenanza, o equipo de goberno levou ao pleno outra iniciativa en relación ao estudo de detalle para a fixación de delineacións na rúa do Casar. Os socialistas levan dúas iniciativas sobre urbanismo, pero non son capaces de elaborar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) nun mandato no que dispón dunha maioría da que tanto presume”, puntualiza.
Servizo de taxi
Varela defende a regulación normativa dos diferentes ámbitos do Concello porque, ademais, “é un deber do equipo de goberno”. Con todo, considera “descabellado” que na ordenanza municipal sobre o servizo de taxi se recolla a necesidade de avisar á Policía Local cada vez que teña un servizo nas zonas peonís: “é un incordio para ambos, os efectivos da Policía Local e para os propios taxistas. Coa instalación de bolardos automáticos, coma noutras cidades, e non tantos de metal polas rúas que carecen de sentido; non habería estes problemas”, engade.
“Chama a atención que o goberno local pretenda obrigar aos taxistas a poñer publicidade institucional do Concello, a costa das arcas municipais e polo tanto co diñeiro de todos, e sen contar coa opinión do colectivo; xa que moitos taxistas rexeitan a publicidade debido aos danos que causan na pintura dos vehículos”. A popular cre aínda máis grave que para colocar outro tipo de publicidade que non sexa a do Concello, “lle teñan que pedir permiso”.
O Grupo Municipal Popular monfortino cre que “o servizo de taxi en Monforte está sobredimensionado”; pero defende que “a amortización de prazas non debería ser un gasto para os taxistas, debería contemplarse sen que supoña maior gasto para o colectivo”, explica a portavoz.
“Non dubidamos da necesidade da norma, pero por estes motivos abstivémonos na votación para a súa aprobación inicial. Agardamos que durante todo este mes de exposición pública se chegue a un acordo real cos taxistas”, conclúe Varela.