O PP de Monforte lamenta as críticas do Concello polas obras da LU-617

RibeiraSacraXa
Sinalan que o Concello “demorou incomprensiblemente a autorización da obra”
Rúa Chantada, Monforte
Estado da rúa Chantada, Monforte
21 Jan 2025

O Grupo Municipal do PP de Monforte lamenta as palabras do alcalde, José Tomé, nunha carta envida a todos os veciños a pasada semana en relación co arranxo acometido pola Xunta de Galicia no treito urbano da LU-617, que corresponde coa rúa Chantada.

A voceira popular, Katy Varela, explica que o alcalde “non só mandou unha carta aos veciños amosando as súas queixas, cuestión eticamente discutible, senón que ademais mandou esa carta á Consellería de Infraestruturas e ao presidente da Xunta”. “Unha mágoa que non mostre a mesma preocupación con outros asuntos, o que indica que realmente será recordado unicamente como o alcalde do asfalto”, afirmou.

Katy Varela lamenta que “dende o primeiro momento foi o alcalde o que tentou boicotear os traballos” xa que “demorou incomprensiblemente a autorización da obra”.

Ademais, a voceira popular recorda a José Tomé “que coñece perfectamente todos os trámites e cauces legais para poder desenvolver calquera tipo de obra” do mesmo xeito que “a responsabilidade do estado do firme nos tramos urbanos é do propio Concello” polo que “se quere pode incluso pedir a titularidade da rúa se así o desexa”.

Katy Varela sinala que o mal estado da rúa Chantada e da rúa Morín “débese aos innumerables furados realizados pola empresa subministradora da auga debido ao mal estado das tubaxes”, reparacións que “son responsabilidade do Concello”.

“Parécenos esaxerada e absolutamente lamentable esta confrontación eterna do alcalde de Monforte coa Xunta de Galicia, e máis aínda que envíe unha carta aos veciños, cando el mesmo tivo problemas tamén con empresas concesionarias de obras que tivo que reclamar con posteridade”, recordou.

Por este motivo, Katy Varela preguntará no vindeiro pleno polo custe para as arcas municipais do envío masivo desta carta e pedirá a José Tomé que envíe outra carta a toda a veciñanza pedindo desculpas polas roturas constantes das tubaxes e dos cortes no subministro, así como que informe das datas nas que se realizarán as renovacións das tubaxes máis vellas e de cando levará o abastecemento e saneamento a aqueles puntos que carecen do servizo.

0.1293728351593