O PP de Monforte investimentos no barrio de Catro Ventos

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte piden ao goberno municipal “unha preocupación real” por todas as zonas da cidade xa que, segundo din, “hai moitos barrios nos que é urxente actuar e nos que os seus veciños séntense totalmente abandonados”.
A voceira popular, Katy Varela, explica que no barrio de Catro Ventos, unha zona ao carón da antiga chacinería e moi próximo ao casco urbano, “os veciños denuncian o perigo que senten nas súas casas por mor do abandono”.
Un dos principais problemas que sofren a diario, din, “son todos os derivados de que o Concello de Monforte non lles asigna números as súas vivendas”. “Os propietarios non poden colocar na súa vivenda o número porque o Concello non llelo asigna, polo que teñen problemas a diario cos servizos de Correos, paquetería....”, denuncia a popular.
Ademais, sinala que “teñen moitos problemas de seguridade derivados da falta de rozas”. “As estradas son moi estreitas e non hai beirarrúas, polo que teñen que camiñar por calzadas moi estreitas, invadidas na súa maior parte pola vexetación, polo que a seguridade diminúe notablemente”. Para a popular “o medo a un incendio tamén está moi presente porque a vexetación medra sen control e en Monforte as temperaturas adoitan ser moi elevadas durante os meses de verán”.
Neste barrio, denuncia, tamén sofren habitualmente problemas co abastecemento de auga, “sendo habituais os cortes por roturas nas tubaxes, así como que a auga sae da billa moi turbia por mor do mal estado da rede de abastecemento”.
“Lamentablemente”, di Katy Varela, “non é o único barrio no que sucede esta situación, polo que durante estes días manteremos xuntanzas con veciños doutras zonas afectadas e que se puxeron en contacto con nós para trasladarnos as súas reivindicacións”, explicou.
Katy Varela esixe unha reacción ao alcalde, sobre todo “tendo en conta que Monforte ten un dos Ibis máis altos que hai, pero os veciños non ven que esa alta carga fiscal se traduza en beneficios no seu día a día”.