O PP de Monforte insta que se aclaren as incertezas dos hostaleiros
A crise sanitaria provocada pola covid-19 ten como consecuencia unha profunda crise económica, de alcance aínda por determinar. Un dos sectores máis afectados polas restricións necesarias para combater a pandemia é a hostalería. Por iso, son fundamentais as axudas de todo tipo que se poidan aportar a este sector. E tamén é fundamental a limitación no posible da incerteza, un inimigo de calquera actividade económica. En Monforte, o goberno municipal, presidido polo socialista José Tomé, mantén aos titulares de establecementos hostaleiros nunha "innecesaria incerteza en canto á continuación ou non da exención na taxa por terrazas". A portavoz popular, Katy Varela, insta a Tomé a aclarar dunha vez que pensa facer ao respecto.
Katy Varela sinala: “O PP de Monforte lamenta que o alcalde siga sen pronunciarse acerca da exención da taxa por terrazas durante o segundo semestre”. Os populares intentaron, na máis recente sesión plenaria, que o alcalde se manifestara sobre este asunto, pero non tiveron unha resposta clara. Tomé, segundo di Varela, “contestou con evasivas; dixo que todo dependerá da situación”. Desta maneira, segundo destacan os edís populares, o presidente da corporación municipal mantén ao sector nunha incerteza tan inxusta como innecesaria.
Os populares monfortinos lembran que “recentemente a asociación de hostaleiros sinalou a través dos medios de comunicación que é preciso manter está exención pois para algúns establecementos supón ata 1.000 euros”.
A portavoz popular, Katy Varela, dixo no pasado pleno municipal “que de nada vale conceder axudas directas para logo pagar ese importe en taxas e impostos, porque supón caer no do vello dito de que sae o comido polo servido".