O PP de Monforte inicia unha campaña en barrios e parroquias "para dar solución aos problemas"
O PP inicia unha campaña de xuntanzas en barrios e parroquias para buscar solucións aos problemas dos monfortinos, xa que "estar ao carón da xente é o único camiño para poder axudar a resolver os seus problemas”.
A voceira popular, Katy Varela, explica que moitas destas visitas “foron pedidas polos propios veciños ante os constantes problemas que teñen nos seus barrios ou que detectan no día a día do municipio”.
Deste xeito, as primeiras visitas programadas polos populares foron en Casar e Fabeiro e seguirán en Santa Mariña e Ribasaltas, zonas que teñen en común problemas co abastecemento de auga e co saneamento, ademais de problemas pola situación na que se atopan as pistas, sobre todo en Ribasaltas, moi molestos co estado no que se atopa a rúa na que está o centro de día.
A voceira popular convida a todos os monfortinos que o desexen a participar destas xuntanzas para “enriquecer” as mesmas e “se queren que vaiamos de inmediato ao seu barrio ou parroquia so teñen que poñerse en contacto con nós”, pero “insistimos en que chegaremos a todos os recunchos do municipio porque nós non queremos estar ao seu carón unicamente cando se achegan as eleccións, queremos axudalos durante todo o mandato”.