O PP de Monforte eleva unha queixa á Valedora do Pobo para pedir acceso á documentación das xuntas de goberno

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte veñen de presentar un recurso de amparo ante a Valedora do Pobo de Galicia para solicitar o acceso á documentación das xuntas de goberno e de diversos expedientes do Concello.
Segundo a voceira popular, Katy Varela, “despois de moitos atrancos, vémonos na obriga de acudir á Valedora do Pobo para poder exercer a nosa labor de fiscalización e control ao goberno de Monforte”. “O acceso á documentación propia do funcionamento diario do Concello de Monforte de Lemos, como poden ser os expedientes relativos aos contratos, ás comisións de goberno ou ás propias actas das xuntas de goberno está resultando complexo e difícil”, sinalou.
Segundo a popular, “o acceso ás actas das xunta de goberno é o maior escollo no exercicio do noso dereito de acceso á información e documentación”. Ademais, sinala que nos últimos anos, a entrega destas actas sempre se realizou vía correo electrónico cunha periodicidade de dous meses, con entregas, din os populares, de ata oito actas xunta. Unha situación que segundo aseguran, “dificultaba o estudio e o correcto traballo de fiscalización”.
Ante a dificultade de control que supoñía esta sistema, di o PP, trasladouse a queixa á Deputación e acordouse dar traslado da acta á semana seguinte da súa celebración. Pese a todo, din, a situación empeorou dende o verán, cando a pesar das reiteradas peticións para o envío da documentación, non se produce acumulando un atraso de ata un mes.
Ante a demora, dende o Grupo Municipal do PP presentou unha reclamación para reconducir a situación, pero “o alcalde e o secretario municipal decidiron que darán traslado das actas de xunta de goberno, que son semanais, coa documentación do pleno unha vez ao mes”. Segundo Varela, “esta decisión é un atropelo e unha vulneración dos nosos dereitos como concelleiros”.