O PP de Monforte di que o alcalde "boicotea" investimentos e actuacións da Xunta na vila
A voceira popular de Monforte, Katy Varela, di que o alcalde “segue centrado en loitar contra a Xunta de Galicia e, froito da súa teima, boicotea investimentos e actuacións do goberno galego en Monforte, prexudicando así a todos os monfortinos”, despois de ter coñecemento de que o Goberno local “non responde” aos escritos presentados ante o Concello de Monforte pola empresa adxudicataria do arranxo da estrada autonómica LU-617.
Katy Varela explica que dende a Xunta de Galicia realizouse o compromiso de arranxar esta estrada no seu tramo urbano. “Hai máis dun mes que se iniciaron todos os trámites para realizar estes traballos, pero o goberno de Tomé está a facer todo o posible para que non se materialice”, sinalou.
A empresa encargada de realizar os traballos cumpriu con todos os trámites esixidos dende o Concello de Monforte “e agora estamos nun momento de espera xa que hai máis dun mes que dende o Concello non se responde á empresa. Queda claro que o único obxectivo de Tomé é confrontar ao Concello coa Xunta”, afirmou.
“Témome que estemos ante unha artimaña de Tomé para tentar boicotear este investimento da Xunta en Monforte”, unha situación que contrasta “coas reivindicacións de hai mesas, nas que mesmo involucrou aos seus compañeiros de partido no Parlamento para solicitar este arranxo.
Ante esta situación, dende o Grupo Municipal de Monforte se realizarán preguntas no vindeiro pleno para coñecer os motivos deste bloqueo e para esixir ao alcalde “que colabore e permita unha actuación que, ata hai pouco, el mesmo defendía e reclamaba”.