O PP de Monforte deu comezo ao curso político cunha xuntanza con afiliados e simpatizantes
O PP de Monforte deu comezo ao curso político cunha xuntanza con afiliados e simpatizantes e na que tamén participaron a presidenta provincial, Elena Candia, e o voceiro do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide.
Durante esta reunión abordáronse as principais liñas de traballo para este curso político, sendo o ciclo da auga o principal problema a solucionar en Monforte.
A presidenta do PP de Monforte, Katy Varela, explicou que “todos os monfortinos estamos fartos das constantes mentiras de Tomé co abastecemento de auga xa que se nega a dar solución aos problemas co subministro que temos todas as semanas”, sinalou.
“Temos que ser moito máis esixentes co goberno de Tomé. Está a vivir de rendas o que evidencia que carece de proxecto de futuro para Monforte”, explicou.
“Urxe potenciar o desenvolvemento demográfico e económico do municipio”, sentenciou. Elena Candia e Antonio Ameijide coincidiron en que tamén é necesario recordar á cidadanía “a falta de compromiso doe José Tomé coa chegada do Ave á provincia”.
"A realidade é que a alta velocidade estaba comprometida no goberno de Mariano Rajoy para a provincia, con datas concretas e investimentos programados, pero a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno do Estado provocou a supresión das variantes previstas (Rubián e Peares-Canabal) polo que é imposible que os trens poidan circular a altas velocidades", explican.
“Temos que seguir reclamando os mesmos servizos ferroviarios que hai no resto de Galicia e nas provincias da contorna, xa que o que está a facer Pedro Sánchez é manter a Lugo como a provincia máis illada de España”, denunciaron.
Durante a xuntanza, Katy Varela animou a todos os afiliados a traballar para aumentar o masa social do PP de Monforte ademais de para seguir mellorando o municipio.