O PP de Monforte denuncia o retraso nas obras do parque Val de Lemos

RibeiraSacraXa
Dende o PP de Monforte apoia as queixas veciñais polo retraso e as condicións das obras da reforma do parque infantil Val de Lemos.
parque infantil
3 sep 2021

Dende o Partido Popular de Monforte sinalan que o goberno de Monforte, presidido polo socialista José Tomé, "gústalle presumir de executar obras, pero non pode presumir de como as executa, porque as que non quedan mal rematadas, levantan críticas veciñais polo modo en que se executan ou polo retraso con respecto aos prazos fixados". "No caso da reforma do parque infantil Val de Lemos, hai críticas veciñais polo moito tempo que se prolongan os traballos, que están parados na actualidade, e porque o proxecto, segundo o parecer dalgúns veciños, non se adapta ás condicións do entorno" defende a portavoz popular, Katy Varela, que pide explicacións ao goberno local.

Segundo os populares, o contrato para esta obra formalizouse o 16 de decembro do ano pasado. O importe total ofertado, impostos incluídos, foi de 61.725,73 euros. Varela destaca que o prazo de execución quedou fixado en 56 días, e xa transcorreron máis de 8 meses e a obra está aínda sen rematar.

Varela sinala que "os veciños están molestos pola paralización das obras, pero tamén polo estado no que se atopan, pois tapan algunha das casas e non parece un proxecto que se adapte á contorna”.

Os populares están alarmados “pola falta de preocupación e deixamento do alcalde na execución das obras municipais, como neste caso”. Din que “parece que só lle importa anunciar o investimento para saír na foto, porque despois mostra unha total despreocupación no desenvolvemento da execución das obras; pasou coas da praza Doutor Goyanes e arredores, e vemos que está a suceder agora tamén”.

0.18230009078979