O PP de Monforte denuncia o "nulo" interese en homologar as pistas de atletismo
A voceira do Grupo Municipal do PP de Monforte, Katy Varela, denuncia o “nulo interese do alcalde para homologar as pistas de atletismo". Deste xeito, a popular critica que "o rexedor poña como escusa que nunca recibiu a solicitude da Federación de Atletismo, cando o primeiro paso debe inicialo o Concello”, defende.
Por outra banda, e sobre o custo deste proceso, Varela asegura que "Tomé Roca mentiu, ao indicar que este gasto podería ascender aos 700.000 euros. Nada máis lonxe da realidade, pois tras consultar fontes próximas á propia Federación, o valor estaría por debaixo da metade e ata incluso podería pedir a colaboración da Xunta de Galicia; cousa que non fai”, remarca.
“A falta de consideración do rexedor sobre este asunto chega a tal punto que, incluso se atreve a dicir que a entidade local está a realizar un esforzo inversor nas instalacións deportivas, pero, pola contra, non é capaz de explicar en cales, porque a verdade é que non fixo nada” detalla a popular.
Neste senso, Katy Varela destaca que, dende que Tomé Roca está na Alcaldía, “non foi capaz de poñerse en contacto co Goberno galego para asinar convenios de mellora das instalacións”. De feito, subraia que "as únicas actuacións realizadas nesta materia foron grazas á administración autonómica. É o caso, do convenio asinado para a instalación do marcador no estadio da Pinguela".