O PP de Monforte denuncia a falta de limpeza dos regatos urbanos
O Partido Popular de Monforte alerta de que a falta de limpeza dos regatos urbanos por parte do Concello provoca “xa un problema de salubridade importante e incluso é a consecuencia de que a proliferación de ratas vaia en aumento”. Por este motivo, e alertados polos veciños, a voceira popular, Katy Varela, adianta que presentarán unha iniciativa no pleno deste mes, co fin de que o goberno local inicie os trámites correspondentes para sanear estas regueiras. Trátase, fundamentalmente, das coñecidas como Malloado, río Seco e Zapardiel.
Os populares monfortinos xa se dirixiron en distintas ocasións ao alcalde socialista por este motivo. A finais de 2020 pediron tamén en pleno a roza e saneamento das mesmas. O obxectivo, di a voceira popular, “era chegar ao verán con estes afluentes en boas condicións e evitar esta imaxe deplorable e insana para os habitantes que viven nas proximidades destes regatos. Á vista queda de que non só non se fixo nada, senón que o desentendemento é manifesto e notable”.
“Non so é limpar o principal río que temos, o Cabe. E tamén desbrozar e manter saneados o resto de regueiras que atravesan o núcleo urbano; algo que ao goberno local parece que se lle esquece”, critica.
O goberno local “será co-responsable”
O Grupo Municipal do PP agarda, deste xeito, que os dirixentes locais “tomen nota desta cuestión, xa que non é unha petición só dos populares, é unha queixa reiterada dos monfortinos e monfortinas”. Por este motivo, dirixiranse, novamente, ao goberno municipal. “Esperamos que se actúe en consecuencia, xa que, do contrario, o alcalde e o seu equipo serán co-responsables dos problemas que poidan ocasionarse se a maleza continúa medrando nestes regatos”, advirte.