O PP de Monforte denuncia a “falta de flexibilidade” para acceder a determinadas zonas da cidade
Dende o Grupo Municipal do PP de Monforte solicitaron ao goberno local acceso á información sobre todas as multas impostas durante o ano 2024, tanto de cámaras de vídeovixilancia como o resto de sancións, e os importes recadados por este medio durante todo o ano.
A voceira popular, Katy Varela, explica que se pide esta información dadas as reiteradas queixas por parte da veciñanza sobre a “falta de flexibilidade” por parte do goberno de José Tomé á hora de acceder a determinadas zonas da cidade controladas por sistemas de videovixilancia para realizar tarefas “comúns e necesarias” como poden ser as de carga e descarga.
Ademais, tamén se pide acceso á información relativa ao imposto de actividades económicas, o de construcións e obras e a plusvalía do ano 2024.
“Parécenos importante pedir toda esta información xa que moito tememos que dende o goberno local teñen un afán recadatorio moi importante para tentar mellorar a situación das arcas municipais, todo a costa dos monfortinos”, lamentou.