O PP de Monforte defenderá no vindeiro pleno unha iniciativa para que o Concello cumpra as obrigas da Lei de Benestar Animal
Os concelleiros do Partido Popular de Monforte de Lemos defenderán no pleno deste mes unha iniciativa para que o Concello comece a "dar cumprimento ás obrigas recollidas na Lei de benestar animal, ademais de consignar a financiación necesaria nos orzamentos do ano vindeiro ano".
Así, Katy Varela, voceira popular, lembra que o 29 de setembro de 2023 entrou en vigor esta lexislación, e nela hai "numerosas obrigas ás que moitos municipios non poden facer fronte, polo que, para garantir que o Concello de Monforte poida asumir estas novas competencias, debe instar ao Goberno central a que anualmente consigne nos Orzamentos Xerais do Estado as cantidades necesarias e suficientes que permitan garantir a prestación dos devanditos servizos por parte das entidades locais”.
Katy Varela tamén ve necesaria a colaboración da Deputación Provincial, polo que tamén defenderá que o concello monfortino inste ao equipo de goberno provincial para que a Deputación de Lugo realice todas aquelas actuacións que sexan precisas para colaborar co Concello de Monforte de Lemos, ben sexa a través da sinatura de convenios, a construción das instalacións adecuadas ou calquera outro mecanismo que se considere oportuno para garantir a prestación dos servizos de competencia municipal.