O PP de Monforte cualifica os Orzamentos de 2025 como “continuistas”

O PP de Monforte critica as contas presentadas este luns polo executivo de José Tomé Roca ao considerar que son “continuistas” e “faltas de ambición”. Segundo a voceira popular, Katy Varela, “volvemos ter diante o de sempre: un documento sen proxecto de cidade, con moi pouco investimento real e centrado case exclusivamente en botar asfalto”.
Segundo Varela, entre as partidas presentadas “chama a atención a previsión de ingresos por multas”, que alcanza unha cifra de 650.000 euros, unha cantidade que considera “desproporcionada” e que, segundo ela, evidencia “un afán recadatorio excesivo”.
En canto aos gastos, a voceira critica que o documento amosa que o 31% corresponde a gastos de persoal, unha cifra que non inclúe o custo dos servizos externalizados, que son 5.780.457 euros. Ademais, di, o 54% do orzamento destínase a gastos correntes como mantemento de servizos, recollida de lixo, servizos sociais, subministro de auga, deportes ou mantemento de edificios públicos, e considera que o Concello “está asumindo gastos que lle pode resultar difícil soster a medio prazo”.
No que atinxe ao capítulo de investimentos, a portavoz popular critica que a cantidade é “moi escasa”, con apenas 592.000 euros, dos cales un 3,20% é para seguir asfaltando rúas, e bota en falta “investimentos estratéxicos e a planificación que Monforte necesita para avanzar”.
Segundo o PP, unha das maiores deficiencias é “a ausencia de investimentos en abastecemento e saneamento, dous servizos esenciais nos que o Concello continúa sen actuar”. “Seguen a consignar pequenas cantidades orzamentarias en convenios, como coa CHMS que xa debería estar concluído pero que nunca acaba de executarse. Mentres tanto, os problemas de abastecemento e saneamento seguen sen resolverse”, denunciou Varela. Ademais, respecto ao gasto social, denuncia que “a maior parte das actuacións neste eido son financiadas polo goberno autonómico”.
Para o PP, os orzamentos “non responden ás necesidades reais da cidade nin ás demandas dos veciños, e confirman que Monforte continúa estancada baixo un modelo de xestión sen proxección, sen planificación e sen ambición”.