O PP de Monforte critica os orzamentos de 2025 anunciados polo Concello
Os concelleiros do PP de Monforte amósanse “sorprendidos” tras realizar unha primeira análise dos orzamentos que José Tomé quere aprobar para Monforte para o vindeiro ano.
A voceira popular, Katy Varela, ve unha “temeridade” nas contas que o equipo de goberno puxo a disposición dos grupos da oposición para o seu estudo previo ao seu debate no pleno do vindeiro luns.
“Vemos totalmente irreal que José Tomé contemple ingresar durante o vindeiro ano 18 millóns de euros”, afirma a popular, que engade que “temos serias dúbidas xa que vemos complicado que se poidan materializar diferentes previsións de ingresos, como as da plusvalía, o ICIO ou o IAE.
Katy Varela denuncia que “estes ingresos que prevé Tomé non repercutirán en melloras na vida dos monfortinos xa que no proxecto de orzamentos para o vindeiro ano non hai nin unha soa partida destinada a dotar de saneamento nin abastecemento de auga potable a aquelas zonas do municipio que carecen deste servizo básico”.
Uns ingresos que, sinalan, José Tomé basea “nun aumento do 30% nos Tributos do Estado”, o que para os populares deriva “do que pagamos todos os monfortinos no IVE, nos carburantes ou no IRPF”.
“Isto ten un nome moi claro, Pedro Sánchez planea unha brutal suba impositiva”, sentenciou.