O PP de Monforte critica o servizo do bus rural

RibeiraSacraXa
Consideran que se trata dun “servizo fundamental” pero que está “infrautilizado”
interior-autobus
2 Mar 2026

O PP de Monforte critica a xestión do servizo do bus rural, unha iniciativa do Goberno municipal para dar servizo ás parroquias e facilitar a mobilidade dos veciños pero que, segundo os populares, “está infrautilizado”.

Recoñecen, eso sí, que se trata dun “servizo fundamental” pero que nos dous primeiros meses dende a súa posta en marcha só tería dado servizo a menos de 90 usuarios. Segundo a información facilitada polo propio rexedor no último pleno, o bus rural rexistrou un total de 17 usuarios no mes de decembro e no mes de xaneiro a cifra situaríase entre 60 e 70 usuarios. Cifras que os populares cualifican de “moi reducidas para xustificar un contrato millonario de dez anos de duración”, tendo un custo de 1.123.276,16 euros, nun contrato de 10 anos, o que supón arredor de 112.000 euros anuais para as arcas municipais.

Os populares sinalan que “o servizo efectivo diario limítase aproximadamente a dúas horas”, tal e como figura na web municipal, que amosa que existen cinco rutas semanais (unha por día). Cada xornada realízase unha viaxe de ida entre as 8:00 e as 9:10 horas, con chegada ao Parque dos Condes, e unha viaxe de volta entre as 14:00 e as 15:00 horas.

Ademais, explican que no prego de condicións do contrato establécese que o vehículo unicamente realizará traballos para o Concello e que o condutor estará dedicado a xornada completa a este servizo. “Entendemos que é unha cuestión de responsabilidade política e de boa xestión dos recursos públicos aclarar que funcións desempeña o condutor durante o resto da súa xornada laboral, tendo en conta que a actividade efectiva do servizo é moi limitada”, sinala a voceira, Katy Varela.

Desde o Grupo Municipal Popular insisten na defensa dun “transporte público útil, eficaz e adaptado ás necesidades reais da veciñanza do rural” pero piden “transparencia, racionalidade no gasto e unha planificación acorde co principio de eficiencia que debe rexer toda administración pública”.

0.1224889755249