O PP de Monforte critica o desinterese pola reparación da Ponte de Piñeira

RibeiraSacraXa
Membros do Partido Popular do concello de Monforte critican o desinterese pola reparación da Ponte de Piñeira
Monforte PontePiñeira PP
2 sep 2022

O Partido Popular de Monforte amosa a súa preocupación pola situación da ponte de Piñeira “dende que a finais do mes de xuño afundiu por un lado a base dun dos seus piares, que quedou inservible como apoio da plataforma”, sinala a portavoz popular, Katy Varela, que anuncia que levará unha iniciativa sobre este asunto ao pleno que celebrará a corporación monfortina no mes en curso.

Varela lembra que “foi necesario cortar a ponte ao tráfico de todo tipo de vehículos” e indica que “no pleno do 26 de xullo, á vista da preocupación dos veciños, o PP de Monforte preguntou polo estado desta infraestrutura, prazos para o seu arranxo e custos; o alcalde contestou que non sabía”. Varela engade que “un mes despois a súa contestación nos medios de comunicación segue sendo a mesma, o cal nos resulta totalmente inaceptable. Non pode ser que máis de dous meses despois o alcalde aínda non coñeza os prazos de arranxo nin o custo da obra, polo menos de maneira aproximada”.

No PP sinalan que “a de Piñeira é unha ponte fundamental porque une dous barrios importantes da cidade: Piñeira, e polo tanto as zonas de Carude e a Compañía, xunto co barrio de Covas e a estrada de Ourense”. E engaden que “serve para desviar o tráfico do centro da cidade, polo que a xestión do alcalde e o seu equipo de goberno diante este asunto é inadmisible”.

0.18526101112366