O PP de Monforte critica a xestión de Tomé nas axudas para ampliar prazas de gardería
O Grupo Municipal Popular de Monforte lamenta que o alcalde José Tomé responsabilice á Xunta de Galicia da falta de xestión municipal na hora de solicitar axudas europeas destinadas a ampliar prazas de gardería. Os populares lembran que Monforte non foi capaz de pedir os fondos europeos que a Xunta puxo a disposición dos concellos para este fin, a diferenza de municipios como Sober ou Vilalba, que si aproveitaron estas subvencións.
"O alcalde pretende agora limpar a súa imaxe pedindo á Xunta que cree unha escola infantil municipal, unha responsabilidade que inicialmente recaía no propio Concello", sinalan desde o PP. Ademais, destacan que o Partido Socialista presentou unha iniciativa no pleno do Concello para instar á Xunta a utilizar os 22 millóns de euros devoltos a Europa para construír unha escola infantil pública en Monforte.
O texto da moción socialista recolle que "unha parte dese diñeiro que se vai devolver pola Xunta e que perde Galicia pola mala xestión, potenciando as escolas infantís privadas, se dedique á construción dunha escola infantil pública no Concello de Monforte de Lemos".
Desde o PP local consideran necesario puntualizar que estes 22 millóns eran fondos europeos destinados a ampliar prazas de gardería e que Tomé busca escusar a súa falta de xestión responsabilizando á Xunta mediante esta moción.
A pesar de absterse na votación, os populares aclaran que non votaron en contra porque están a favor de que se aumenten as prazas de gardería, sexan de titularidade municipal, autonómica ou privada, especialmente agora que a Xunta sufraga as matrículas para todas as familias. Con todo, non apoiaron a iniciativa porque consideran que só busca ocultar a ineficiencia do alcalde neste asunto. "Tomé non amosou interese real no tema e limitouse a presentar a moción para excusar a súa inacción", conclúen.