O PP de Monforte critica a actitude do alcalde con respecto ao tema do CRAEGA
O PP de Monforte afea a actitude “arrogante e déspota” de José Tomé en relación ás negociacións co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) para intentar evitar que traslade fóra da cidade a súa sede principal.
“Tanto no pleno do Concello coma no da Deputación de Lugo deixou clara a súa negativa a contactar cos responsables deste órgano”, polo que Katy Varela considera que “está a poñer o seu orgullo persoal por riba do beneficio para a cidade”, lamenta a portavoz do PP local, Katy Varela.
“Cremos que, como alcalde, debería intentar mediar ou, polo menos, intentar falar cos responsables do CRAEGA. Pero demostrou a súa falta de vontade por tratar de evitar que este órgano abandone o noso municipio votando en contra da nosa proposta para que o Concello levara a cabo as actuacións necesarias para manter a sede en Monforte”, engade.
Dende o Grupo do PP na Deputación de Lugo propuxo no pleno provincial unha alternativa concreta: que iniciase as negociacións para ceder ao CRAEGA asdependencias e terreos actualmente en desuso no Pazo de Tor que é de titularidade provincial. “Pero PSOE e BNG votaron en contra. E tras darse un empate na votación foi José Tomé, co seu voto de calidade como presidente, o que rexeitou esta proposta”, explican os populares.
Esta iniciativa constitúe unha alternativa que o propio Consello Regulador ve con bos ollos e que, incluso, “xa propuxera o anterior goberno provincial tamén cun presidente do PSOE, pero que, coa chegada de Tomé á presidencia da Deputación, quedou en nada”, subliñan.
O portavoz do PP provincial, Antonio Ameijide, condena que, “por un capricho de José Tomé, Monforte deixe de ser a sede dun órgano cun ámbito de actuación a nivel autonómico que xera unha vintena de empregos na zona sur da provincia onde viven os seus traballadores”.