O PP de Monforte acusa ao Goberno Municipal de ocultar catro expedientes
Os concelleiros do PP de Monforte preguntan a José Tomé “que oculta da tramitación municipal” ao negar, segundo apuntan, o acceso aos expedientes solicitados nos últimos meses.
A voceira popular, Katy Varela, non entende “os motivos de que José Tomé negue o acceso a toda a documentación porque ten algo que ocultar ou porque nin a ten, que é peor”.
“Pese a todas as trabas que tenta poñer o alcalde, non imos ceder no noso empeño por fiscalizar a acción do goberno e ten que ter claro que calquera irregularidade que detectemos a denunciaremos”, explicou.
Ciclo da Auga
O 13 de Maio de 2024 os concelleiros populares solicitaron os datos dos volumes de auga potabilizados e facturados no casco urbano e no rural, por parte da empresa Aqualia.
A resposta por parte do goberno local chegou o 28 de agosto, “pero aportando unicamente a parte que lle interesa a José Tomé, o volume facturado” motivo polo que dende o Grupo Municipal Popular solicitouse se aportasen os datos que faltaban sobre o volume de auga potabilizada en 2023 “pero seguimos sen reposta”.
Sentenzas xudiciais contra o Concello de Monforte
No Pleno de Xullo preguntouse ao alcalde sobre as dúas sentenzas en contra que recibiu o Concello de Monforte por parte do TSXG.
Unha delas en relación aos terreos do parque do Hospital, que obrigaba ao Concello a pagar 620.000 euros, algo sobre o que José Tomé sinalou que o propio Tribunal deixaba a sentenza sen efecto.
Dende o Grupo Municipal Popular solicitouse que se facilitase o acceso a ambas resolucións xudiciais pero “non vimos por ningunha parte referencia algunha a que esa sentencia quedaba sen efecto”.
Por este motivo, o 27 de maio de 2024 pediuse acceso ao expediente e copia do mesmo para poder ter acceso ao mesmo para comprobar se existe tal anulación da sentenza ou non.
Protección Civil
Os concelleiros populares tamén solicitaron acceso á documentación referente ao servizo de Protección Civil para coñecer o número total de voluntarios que hai neste servizo así como cantos prestaron servizo e en que actos durante este ano.
Ao igual que nos casos anteriores, tampouco se facilitou a información solicitada.
Servizo de Axuda a Domicilio
O 17 de outubro solicitouse acceso ao expediente do Servizo de Axuda a Domicilio para ter coñecemento real do número de persoas atendidas, en que datas e o número de horas asignadas a cada beneficiario do servizo; así como o número total de empregados que traballan na actualidade e o número total de horas polas que están contratados.