O PP de Manzaneda presenta unha moción de censura contra Amable Fernández

RibeiraSacraXa
Os populares propoñen ao portavoz popular, Pedro Yáñez Salgado, como candidato á alcaldía
casa-do-concello-manzaneda
16 Oct 2025

O PP de Manzaneda vén de presentar unha moción de censura contra o alcalde socialista, Amable Fernández, ao que acusan de “inestabilidade na xestión municipal” tras a perda de apoio, que quedou materializada o pasado mes de xullo coa dimisión dos concelleiros José Antonio Núñez Estévez e Miguel Domínguez Hervella, que abandonaron o PSOE de Manzaneda pasando ao grupo dos non adscritos e deixando ao grupo de goberno, liderado por Amable Fernández, cun executivo en minoría.

A partida, xustificada o hasta entón Tenente de alcalde, Antonio Núñez, debeuse a “motivos estritamente políticos e ideolóxicos, principalmente relacionados co desacordo coa liña política do grupo, moi afastada das promesas electorais”. Ademais, explicaba a súa decisión pola “perda de confianza na dirección do mesmo, baseada en decisións unilaterais, falta de transparencia e autoritarismo”. O PSOE quedou así con tres concelleiros fronte aos catro da oposición: dous do PP e dous do grupo de non adscritos.

A moción presentada agora polo PP abre a porta a un novo goberno municipal e estaría avalada pola concelleira do PP Verena Yáñez Álvarez e os xa mencionados edís non adscritos Miguel Domínguez Hervella e Antonio Núñez Estévez.

Os asinantes da moción explican que dan este paso ante “a grave situación de deterioro institucional, político e social que vive o Concello”. No escrito, afirman que o actual goberno de Amable Fernández caracterízase pola “improvisación” e “carece de proxecto de futuro”, ademais de perder investimentos e mostrar “falta de diálogo coa veciñanza e a corporación”, unha “deficiente comunicación” que tamén estenden ás administracións locais e supramunicipais e ao tecido asociativo local.

Consideran que o relevo na alcaldía débese “á ausencia dunha folla de ruta clara, que impide dar resposta ás necesidades da poboación”, sen proxectos de dinamización económica ou social.

Por iso, din, é imprescindible “un cambio de rumbo que recupere o diálogo, a planificación e a estabilidade institucional”, considerando que este paso é “un exercicio de responsabilidade”.

A dirección do Partido Popular enmarca esta moción de censura nun acordo local derivado “da ingobernabilidade na que está sumida o Concello”, cun equipo en minoría e sen apoios.

⚙ Configurar cookies
0.067879915237427