O PP de Lugo reclama en Sober medidas para o sector agrogandeiro e un financiamento “adecuado” das PAC

RibeiraSacraXa
Os populares reclaman reducir a burocracia que afecta ao sector unha PAC “máis sinxela, áxil e accesible”
pp-pac-sober
2 Apr 2026

O Partido Popular da provincia de Lugo reclamou este mércores en Sober ao Goberno central que defenda ante o Consello da Unión Europea un financiamento “adecuado para a Política Agraria Común (PAC) despois do 2027” e que promova a redución da burocracia que afecta ao sector, á que consideran “un lastre para a competitividade”.

Os deputados nacionais Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades, xunto coa deputada autonómica Raquel Arias, realizaron estas declaracións durante unha visita a unha explotación gandeira na localidade lucense. Alí lembraron que, desde o PP, “non estamos de acordo coa proposta da UE” e que manteñen a súa defensa dos profesionais do campo, especialmente nunha provincia como Lugo, onde o sector primario ten un peso económico fundamental.

Neste sentido, os populares subliñaron a importancia da PAC como ferramenta clave para garantir a actividade agraria e o equilibrio territorial. Porén, Conde sinala que “o sector necesita unha PAC máis sinxela, áxil e accesible”, con menos cargas administrativas e con normas claras que garantan seguridade xurídica e favorezan a rendibilidade e a sustentabilidade das explotacións. Desde o grupo popular tamén critican a postura do Executivo estatal, ao que acusan de manterse á marxe das negociacións europeas e de “poñerse de perfil” ante cuestións que consideran fundamentais para o sector agrogandeiro.

No ámbito lexislativo, o PP destacou iniciativas impulsadas tanto no Congreso como no Parlamento de Galicia. Entre elas, a aprobación dunha proposta para reforzar o papel da PAC como instrumento esencial para a soberanía alimentaria e a cohesión territorial, así como medidas dirixidas a facer fronte ao incremento dos custos de produción.

Pola súa banda, Raquel Arias explicou que o seu grupo defende un plan de apoio máis amplo ao sector primario, con medidas como bonificacións fiscais, redución do IVE en determinados produtos básicos, apoio ante o encarecemento dos fertilizantes e liñas de financiamento con avais públicos para facilitar a liquidez das explotacións.

Ademais, os populares puxeron en valor as actuacións da Xunta de Galicia neste ámbito, destacando un paquete de medidas dotado con 157 millóns de euros, ao que se suman outros 120 millóns derivados de rebaixas fiscais. Dentro deste plan, destínanse 19,4 millóns ao sector agrario para a modernización das explotacións, con investimentos en tecnoloxía, maquinaria e eficiencia produtiva, así como iniciativas para reforzar a comercialización e a posta en valor dos produtos locais.

Durante a súa visita a Sober, os populares reclamaron ao Goberno central tomar medidas para garantir a protección dos intereses do sector agrogandeiro e fortalecer o medio rural, tanto en Galicia como no conxunto do Estado.

0.11572980880737