O PP de Lugo reclama ao Goberno que mellore a conectividade en Quiroga, Folgoso e Ribas de Sil

RibeiraSacraXa
Denuncian que nos últimos meses se multiplicaron as queixas veciñais polo mal funcionamento do servizo telefónico e o insuficiente despregue da fibra óptica
Senadores-PP-Lugo-tren
8 Aug 2025

Os senadores do Partido Popular por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, presentaron varias iniciativas nas Cortes Xerais para esixir ao Goberno central que solucione as deficiencias en materia de conectividade que afectan á comarca de Quiroga.

Os populares piden ao Ministerio para a Transformación Dixital e ao Executivo de Pedro Sánchez que garantan o acceso a Internet e unha cobertura telefónica de calidade en toda Galicia, con solucións técnicas adaptadas á complexa orografía e dispersión poboacional de municipios rurais e de montaña como Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel.

Segundo explican, nos últimos meses se multiplicaron as queixas veciñais polo mal funcionamento do servizo telefónico e o insuficiente despregue da fibra óptica, o que deixa algúns territorios practicamente illados. Estes problemas, sinalan, dificultan as comunicacións diarias, afectan a estudantes, particulares e empresas, e frean o desenvolvemento económico, laboral, comercial e industrial da zona.

O PP lembra que o Goberno de España é a única autoridade con competencia en conexión a Internet e telefonía móbil e que dispón de recursos suficientes para actuar. En concreto, apuntan ao Programa UNICO, que conta con máis de 4.300 millóns de euros para universalizar as infraestruturas dixitais e favorecer a cohesión territorial.

⚙ Configurar cookies
0.68831086158752