O PP de Lugo pide solucións polo “mal estado” da LU-P-4707 na Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
Denuncian que o estado da estrada “pon en risco aos usuarios” e temen que “afecte á romaría do San Vitoiro”
pp-lugo-LU-P-2406-brolllon
9 Aug 2025

O Partido Popular denuncia o mal estado da estrada provincial LU-P-4707 na Pobra do Brollón, que consideran “intransitable” e que “pon en risco aos usuarios”. Os deputados provinciais Antonio Ameijide e Héctor Corujo, xunto co portavoz local Teddy López, comprobaron que o firme da vía está practicamente destruído, con numerosas fochancas, grava e pedras soltas que obrigaban aos vehículos a circular a velocidades anormalmente baixas.

Antonio Ameijide esixie ao goberno provincial do PSOE e BNG que tome medidas inmediatas para arranxar esta estrada, subliñando que “as estradas provinciais non poden estar neste lamentable e perigoso estado”. O deputado destacou que esta vía comunica varias parroquias do municipio, como Saa (Lebrón e Covadelas) e Ferreiros (A Veneira de Roques), polo que o seu estado dificulta a mobilidade dos veciños.

Teddy López chama a atención sobre a proximidade da romaría de San Vitoiro, que terá lugar o 27 de agosto na capela do mesmo nome, á que se accede por esta estrada. “Moitos veciños xa nos trasladaron que, polo mal estado da vía, non teñen previsto asistir este ano ao evento”, afirmou López, quen tamén preguntou se o alcalde do BNG fixo algunha xestión para que a Deputación actúe nas estradas do concello.

O Partido Popular critica que esta situación reflicte unha “imaxe de abandono” que, segundo Ameijide, transmite o goberno provincial durante esta época estival. Ademais, reclamaron “igualdade de trato” na repartición de recursos e no mantemento das infraestruturas, lembrando que as estradas en municipios gobernados polo presidente da Deputación, José Tomé, como Monforte, están en “perfecto estado”.

Por todo iso, os populares demandan que se garantan as mesmas condicións para todos os veciños da provincia, sen distincións, para evitar que uns sexan considerados “vecinos de primeira e outros de segunda”.

⚙ Configurar cookies
0.49865794181824