O PP de Lugo pide establecer unha data para a apertura da residencia da Pobra do Brollón

O PP de Lugo denuncia o atraso na apertura da residencia da Pobra do Brollón e esixen á Deputación de Lugo que aclare cando se vai proceder á posta en funcionamento deste centro.
Os populares consideran “inxustificado” dito atraso xa que din, a residencia practicamente rematada. "Vemos a parálise dunha residencia provincial que os veciños de A Pobra do Brollón levan demasiado tempo agardando”, sinalou o voceiro provincial, Antonio Amejide, que visitou o centro esta mañá acompañado polo deputado provincial, Luis Fernández, e o voceiro na Pobra do Brollón, Teddy López. Ameijide asegura que “agora vémola case rematada pero seguimos sen coñecer data de apertura” e afirma que a situación está a xerar “malestar” entre a veciñanza.
Os populares denuncian a falta de data para rematar definitivamente todos os trámites para poder usarse a residencia, e piden explicacións sobre “os motivos da demora a apertura se as obras xa están concluídas”. Ademais, consideran que este feito responde á “falta de planificación e transparencia por parte do goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo”.
O voceiro popular amosouse especialmente crítico co prezo que terán as prazas da residencia, xa que di non saber “cal vai a ser exactamente”, asegurando que “na nova ordenanza de prezos que aprobaron non aparece esta residencia, pero moito nos tememos que van aplicar os novos prezos para a rede provincial, 1.790 euros para unha persoa válida e 2.200 euros para unha persoa dependente”.
Para Ameijide, “estes prezos son prohibitivos e inasumibles nunha zona como A Pobra do Brollón, onde a renda per cápita e a pensión media non chegan, en moitos casos, nin para cubrir a metade do custo dunha praza nesas condicións”.
Desde o Grupo Provincial Popular instan ao BNG e ao PSOE a que “dean explicacións inmediatas” e piden “que a residencia se abra canto antes e con prezos xustos e adaptados á realidade socioeconómica da nosa provincia”.