O PP de Lugo pedirá no Senado a habilitación dun paso a nivel en Santo Estevo do Sil

O senador lucense José Manuel Barreiro anunciou que os representantes do Partido Popular levarán unha iniciativa á Cámara Alta para demandar ao Goberno do Estado a habilitación dun paso para favorecer a comunicación entre ambas marxes da vía ferroviaria no lugar de Santo Estevo do Sil, en Pantón.
Foi durante un encontro cos veciños e veciñas xunto ao alcalde, José Luís Álvarez Blanco, e no que tamén participou o portavoz do Grupo Provincial, Antonio Ameijide, entre outros compañeiros do Partido Popular, no que analizaron a resposta oficial do Goberno de España ás preguntas formuladas polos representantes do PP lucense sobre a situación de “illamento” deste núcleo debido á instalación dun peche metálico con motivo das obras de modernización da liña Ourense – Monforte que impide o acceso a varias vivendas e viñedos para os que a única alternativa é “dar un importante rodeo ata empregar unhas escaleiras accedendo dende un camiño privado cunha importante pendente, pola ladeira da montaña”.
Á vista de que “o Goberno de Sánchez desminte aos veciños e veciñas que recordan que na zona chegou a haber tres pasos -un deles con barreiras- ao asegurar que con anterioridade ás obras non existía ningún paso a nivel e que o peche non variou o acceso ás vivendas nin aos viñedos existentes na marxe esquerda e, incluso, da a entender que non ten previsto adoptar ningunha medida”, o PP lucense esixirá dende o Senado ao Goberno de Sánchez “corrixir” a “intolerable” situación actual. “Faremos valer a maioría do Grupo Popular no Senado para darlle a Sánchez a orde de tomar medidas para evitar esta discriminación a Santo Estevo do Sil e aos seus veciños e veciñas”, indicou Barreiro.
O peche metálico bloquea, ademais, a única saída en caso de incendio dentro da vía ou de inundación; xa que este núcleo se atopa en zona de risco por estar nunha cota inferior ao encoro de Santo Estevo do Sil, igual que os primeiros metros da vía provincial LU-P-4103 que comunica o lugar. O portavoz do PP na Deputación apuntou que “estaremos vixiantes tamén para que as obras que se están a acometer na estrada garanten as comunicacións en condicións de seguridade para os usuarios”.
O senador popular puxo este como un “claro exemplo da discriminación e illamento” aos que Sánchez somete á provincia de Lugo e lembrou, así mesmo, que as obras acometidas non garanten a chegada á provincia da alta velocidade. Nese sentido, fixo fincapé en que “é imprescindible acometer as obras das variantes de Os Peares-Canaval, próximas a este núcleo, e de Rubián”.
Os populares téñense interesado pola situación dos veciños deste núcleo advertidos polo alcalde de Pantón. Tanto os deputados do PP lucense coma os senadores esixiron explicacións á administración competente dende o primeiro momento “en defensa dos dereitos do habitantes desta zona de Pantón”. Os representantes do PP por Lugo tamén rexistraron iniciativas no Congreso e no Parlamento de Galicia para esixirlle a Adif unha solución neste punto coa que permitir o acceso a estas vivendas e propiedades.