O PP de Lugo denuncia o estado da N-120 entre Quiroga e Terra de Lemos

O PP lucense advirte do “mal estado da N-120 pola falta de mantemento” que, denuncian, rexistra numerosos accidents. Un feito que, din, é recoñecido polo propio Goberno central.
Segundo os deputados populares José Manuel Balseiro e Juan Serrano, a N-120, que vertebra as comarcas de Quiroga e Terra de Lemos, rexistra un alto volume de tráfico entre os 3.148 e os 5.199 vehículos diarios. Nos últimos anos, advirten, “multiplicáronse as queixas” polo estado da vía, que presenta un “evidente deterioro en moitos tramos”, con “fochancas e gretas que xeran riscos para a seguridade viaria e, nalgúns casos, provocan pinchazos nas rodas ou saídas de vía”.
Admais, denuncian que o tramo rexistra numerosos accidentes e o que propio Goberno do Estado recoñeceu, ante as preguntas formuladas polos senadores do PP pola provincia, ter coñecemento de 12 sinistros de tráfico durante o ano 2024, cifra que coincide coa media de sinistros nos últimos seis anos.
Os senadores dirixíronse formalmente ao Goberno de Sánchez para esixir explicacións sobre a situación que “demostra as carencias de mantemento na vía” e, segundo advirten os populares, “as pequenas obras de parcheo non solucionan estes problemas. Precisa unha rexeneración en condicións”.
Insisten en que se trata dun “agravio máis á provincia de Lugo e dunha mostra clara da falta de vontade por atender as necesidades en materia de infraestruturas viarias na nosa provincia”.