O PP de Lugo advirte do “deterioro” do Pazo de Tor

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Luis Fernández, xunto á voceira do PP en Monforte, Katy Varela e concelleiros populares, desprazáronse este luns ao Pazo de Tor, onde denunciaron “da falta de mantemento máis básico” deste lugar.
O PP advirte do “deterioro” deste espazo cultural, un dos máis singulares da provincia, que din “leva anos sufrindo a deixadez do goberno provincial”, que recibiu este inmoble no ano 1993 trala súa doazón por parte da última herdeira que puxo, entre outras condicións, que o museo se puidese visitar de forma gratuíta.
Antonio Ameijide sinalou que no transcurso da visita “observamos humidades en distintas estancias do Pazo o que provocou diversos desconchóns nas paredes e nos teitos”.
O voceiro popular explica que o Pazo de Tor “é un ben patrimonial de primeiro nivel, polo que debería de ser coidado con regularidade, algo que non se está a producir polo que presenta un aspecto impropio da súa importancia histórica e cultural”.
Por iso, reclama ao goberno provincial, nomeadamente á área de Cultura, dirixida polo BNG, “un compromiso real co Pazo de Tor, porque a situación actual non só prexudica a imaxe do propio museo, senón tamén a de toda a provincia porque a imaxe que levan os turistas que o visitan é de abandono a pesar da importancia histórica que ten”.
Dende o Grupo Provincial Popular piden que se poña en marcha un plan de mantemento periódico para toda a rede museística provincial, que inclúa reparacións estruturais, control de humidades, renovación de elementos deteriorados e unha supervisión técnica continuada que evite que os edificios que albergan os museos sigan degradándose.