O PP de Bóveda négase a que os seus maiores se vacinen no centro de saúde
Esta é a resposta que recibiu unha iniciativa levada ó Pleno coa que os socialistas reclaman que o Sergas vacine ós maiores contra a covid-19 nestes centros para evitar que teñan que trasladarse ó hospital de Monforte.
“Os socialistas de Bóveda defendíamos esta iniciativa mais unha vez que nos atopamos co non do PP que nos acusou de facer política con este asunto, por suposto que imos facer política con el xa que afecta á nosa veciñanza. Sobre todo si se recortan dereitos e servizos sanitarios. Somos socialistas, non nos escondemos e queremos mellores condicións de vida para os nosos veciños”, replica a voceira do PSdeG, Carmen Macía.
A voceira sinala que “a través desta proposta quixemos deixar patente o malestar dos maiores da nosa vila ó ter que desprazarse ó hospital de Monforte, é dicir a máis de 25 quilómetros de distancia, para poñer a cuarta dose da vacina, cando coas anteriores vacinas puxéronse no centro de saúde de Bóveda”, remarca.
Carmen Macía advirte de que “esta situación é moi grave, xa que hai moitos maiores do noso concello que igual non teñen vehículo para desprazarse ou incluso medios económicos para poder realizar esta viaxe que é esencial e necesaria. Por iso, esiximos ao PP que rectifique esta decisión e que reforce o persoal dos propios ambulatorios ou PAC para poder subministrar alí as vacinas en vindeiras ocasións”.
“Os socialistas de Bóveda estamos sempre do lado da xente, traballando para mellorar a súa calidade de vida e denunciando as situacións que lles prexudican, como este novo castigo e discriminación contra os nosos maiores, pero o alcalde e goberno do PP de Bóveda están máis ocupados e preocupados en defender a bandeira do Partido Popular que en defender os intereses dos nosos veciños. Esta é a súa xestión, a súa política e a súa bandeira. Recortar servizos, recortar dereitos sanitarios e empobrecer aos nosos maiores”, subliña a voceira do Partido Socialista.
Ensinanza gratuíta de 0 a 3 anos
Por último, Carmen Macía tamén fai alusión ó outro punto debatido no Pleno extraordinario sobre a gratuidade da ensinanza de 0 a 3 anos no concello, que se aprobou co respaldo do Grupo Socialista. “Hai que lembrar que son os concellos os que están costeando esta medida estrela da Xunta anunciada a bombo e platillo por Alfonso Rueda. Mentres a Xunta aporta ás escolas privadas 306 euros por neno, nos centros públicos soamente está a pagar 169 euros por alumno, deixando o resto a cargo das administracións locais. Este é o investimento da Xunta, eu convido, e que paguen os veciños e veciñas de Bóveda”, advirte.