O PP da Pobra insta ao Concello a roza das estradas municipais
O Partido Popular da Pobra do Brollón pídelle ao Concello que ordene con carácter inmediato a roza das estradas municipais. E é que, segundo advirten os populares, o verán “xa vai ben avanzado e circular polas pistas é cada vez máis perigoso debido á invasión da maleza”.
“Vémonos na obriga de volver a dirixirnos ao nacionalista porque isto parece unha selva”. Así de contundentes se manifestan os populares, logo das numerosas queixas recibida por parte dos veciños a este respecto.
E é que "o desentendemento do goberno local respecto do mantemento das vías da súa titularidade é tal que rutas turísticas como a que une a capela de San Vitorio co mirador de A Pena do Santo están totalmente inaccesibles pola falta de desbroce".
“Nin tan sequera o alcalde se preocupa de manter limpos os recursos que temos e que son un atractivo neste época para a xente que nos visita”. Concretamente, a ruta indicada é unha das máis significativas do municipio, pois nela é onde se atopan as minas de ferro de Os Buratos, Covadelas e a propia aldea mineira de A Veneira de Roques.
Por todo elo, dende o PP instan ao rexedor “a que traballe algo máis”, xa que este municipio conta, ademais, cunha masa forestal importante, “polo que de producirse un incendio e coa maleza sen rozar, non queremos imaxinar como pode avanzar o lume”, advirten.