O PP da Pobra do Brollón critica a falta de sesións plenarias dende o mes de decembro

O PP da Pobra do Brollón critica que o Goberno municipal leva preto de tres meses sen convocar un pleno, concretamente dende o pasado 18 de decembro, a pesar de ter que ser convocado cada dous meses.
O voceiro popular, Teddy López, estende o sucedido no municipio a outros gobernados por PSOE e BNG xa que, segundo afirma, “tivemos conversas con compañeiros doutras localidades e comprobamos como tamén están a sufrir este tipo de decisións antidemocrácticas, que están a vulnerar os nosos dereitos e os de todos os veciños”.
López acusa ao alcalde de non convocar plenos porque, segundo o popular, “se atopa máis cómodo sen convocar os plenos municipais porque así boicotea parte da nosa labor de fiscalización e evita render contas e someter a control a súa xestión”.
Teddy López afirma que se trata dunha decisión que “pode chegar a paralizar a actividade municipal xa que hai decisións, como a aprobación ou non dos orzamentos, que se teñen que tomar no pleno”.