O PP da Pobra de Trives pide aclaracións sobre o estado da estrada que dá acceso á estación de Manzaneda

RibeiraSacraXa
Instan "a todas as partes responsables a sentarse e dialogar na procura dunha solución equitativa para todos"
estrada-paradela-manzaneda
Estado actual da estrada de Paradela
13 Feb 2025

O Partido Popular da Pobra de Trives expresou a súa preocupación polo estado do tramo de estrada de 2 quilómetros comprendido entre o límite do Concello de Manzaneda e a Estación de Montaña de Manzaneda, unha vía que, segundo destacan, é titularidade do Concello da Pobra de Trives.

Desde o PP consideran que "as recentes informacións publicadas en diversos medios, tanto escritos como audiovisuais, sobre a situación desta estrada están prexudicando enormemente a imaxe do noso municipio e xerando preocupación entre os veciños de Trives e a súa contorna".

Segundo afirman, "o deplorable estado deste tramo, que é unha das principais vías de comunicación coa estación de montaña e cos municipios veciños, provocou numerosos problemas de acceso á estación nos últimos tempos". Consideran que esta situación afecta negativamente á comarca, xa que "a estación de Manzaneda é un punto de referencia tanto turístico como deportivo e un motor dinamizador da economía local".

Desde o grupo municipal do Partido Popular solicitaron "que se nos informe por escrito, coa maior brevidade posible, sobre a titularidade deste tramo, así como de todas as actuacións iniciadas ou en curso respecto desta vía, para poder valorar e buscar posibles solucións á situación".

Así mesmo, instan "a todas as partes responsables a sentarse e dialogar na procura dunha solución equitativa para todos". Neste sentido, o PP de Trives tamén quixo deixar constancia de que "nos sumamos como apoio a todas as partes implicadas nesta procura, co obxectivo de potenciar e poñer en valor un dos principais motores económicos da nosa comarca".

0.16856813430786