O PP critica a planificación das obras na piscina municipal de Monforte
O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte cuestionou a planificación das obras de reforma da piscina municipal, que permanecerá pechada durante aproximadamente un ano a partir do mes de outubro.
José Luis Rodríguez, concelleiro do PP, cuestionou a decisión do goberno local de realizar as obras durante os meses de outono e inverno, que son os de maior afluencia de usuarios, “estamos ante outro exemplo da nula planificación por parte do equipo de goberno dirixido por José Tomé" sinala Rodríguez. O concelleiro suxire que os traballos poderían terse realizado de abril a outubro, período no que o número de usuarios diminúe significativamente.
Rodríguez tamén destaca que parte das reformas poderían levarse a cabo mentres a piscina permanecía aberta, xa que, segundo a información á que tivo acceso o PP, non era necesario realizar traballos no peche da piscina que requirisen o vaso total da instalación.
"Esta alternativa evitaría as molestias aos usuarios durante os meses de maior demanda, afirmando que “queremos saber por que os traballos non se planificaron, por exemplo, de abril a outubro” afirma Rodríguez.
Pola súa banda, Katy Varela, portavoz do PP, salientou a importancia da piscina municipal para a comunidade. A instalación é utilizada tanto por persoas de todas as idades que buscan facer exercicio como por deportistas do club de natación local. Varela lamenta que a “mala planificación das obras de reforma” afectará negativamente a toda a cidadanía. Pois na súa opinión, a piscina é un servizo esencial e o seu prolongado peche prexudicará a numerosos usuarios.
Varela tamén instou ao goberno local a aproveitar o tempo en que a piscina estará pechada para levar a cabo unha licitación adecuada para a xestión futura da instalación. A concelleira do PP suxire que a actual administración debería garantir que a próxima empresa encargada da xestión poida maximizar o potencial da piscina, evitando problemas que xurdiron con empresas anteriores. “É fundamental que a nova empresa saiba sacar todo o potencial dunha instalación coma esta para evitar o que sucedeu ata agora”, afirma Varela.
O PP subliñou a necesidade dunha planificación máis efectiva e unha xestión adecuada para minimizar o impacto nos usuarios e asegurar que as instalacións deportivas de Monforte continúen ofrecendo un servizo de calidade á comunidade.