O PP critica a actitude de PSOE e BNG sobre o proxecto para recuperar Augas Mestas

O portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, lamenta a “dobre negativa” do goberno provincial de PSOE e BNG por poñer en valor as instalacións do complexo turístico de Augas Mestas, en Quiroga. Por un lado, “négase a impulsar e poñer en marcha estas instalacións que poderían e deberían de ser un referente turístico na provincia” e por outro, “tamén se nega a autorizar o uso do pantalán a outros para actividades de navegación recreativa” cando “si autoriza o uso doutros embarcadoiros da súa titularidade”.
O popular pide explicacións a Tomé e o goberno de PSOE e BNG á vista de que “prefiren ter o pantalán pechado durante décadas que permitir o seu uso a asociacións e empresas para dinamizar a actividade turística na zona” toda vez que “non xera ningún dano nin causa ningunha molestia ou desgaste”. Ao contrario, “permitiría xerar actividade e que os nosos veciños e visitantes poidan disfrutar do río e do entorno”.
Ameijide, que visitaba recentemente as instalacións xunto aos deputados provinciais Luis Fernández e Héctor Corujo, considera “pioneira” esta área ideada por un goberno do Partido Popular e posta en marcha no ano 1996 e que dispón de cabanas de madeira, áreas para autocaravanas e furgonetas camperizadas, áreas de restauración e para o baño, ademais de acceso ao río.
O popular lembra que, “despois de 11 anos de funcionamento, pechou ao público no 2007 coa chegada ao goberno provincial de PSOE e BNG, que mantén sen actividade este complexo situado nun dos municipios da Xeoparque Montañas do Courel; a pesar de recoñecer que lle corresponde á Deputación de Lugo promover, xestionar e articular a utilización do conxunto das instalacións de Augas Mestas”.
“Non fan nin deixan facer” porque “negan o uso do pantalán poñendo como escusa que forma parte dun conxunto de instalacións inseparables” e remitindo aos futuros concesionarios desta instalación.
Neste sentido, Ameijide lembra que “o presidente si autoriza a asociacións e empresas o uso temporal e gratuíto doutros embarcadoiros que son propiedade da Deputación de Lugo -como é o caso do embarcadoiro de Belesar, no municipio do Saviñao- cos condicionantes de que respecten os horarios das rutas fluviais da propia Deputación e o uso por parte de terceiros tamén autorizados”.
A finalidade desta área é a posta en valor das potencialidades da comarca e o desenvolvemento do sector turístico, segundo os documentos asinados polo propio goberno provincial. Polo tanto, din, “PSOE e BNG recoñece que non está a impulsar o turismo na comarca”.